10 :: PRIMEIRO PRODUCTOR CINEMATOGRAFICO GALEGO

José Gil sempre apostou pola iniciativa privada. Ao longo da súa traxectoria creará varias empresas, entre elas, -ademais das sete galerías fotográficas que xestionou-, as tres primeiras produtoras da historia do cine en Galicia. Comezou pola “Cinematografía Gil” (1910-1918) na rúa do Príncipe 49 en Vigo, despois a efémera “Galicia Film” (1919-1920), rematando con “Galicia Cinegráfica” (1921-1935) en Sanjurjo Badía 21, que perdurará ao longo de 14 anos. Outras iniciativas emprendedoras foron a representación da Ford en Galicia (1914-1920), os coches Texán e a empresa de rodas impicables Sinair Company (1921-1922), ademais dos cinemas de Coruxo e Moaña, o Royalty (Ponteareas) e o cine do Balneario de Mondariz (1924-1927).