15 :: OS CINEMAS DE GIL

A gran ilusión de José Gil era construír e xestionar un gran cinema en Vigo algún día. Ao longo da súa vida manifestou un gran interese pola proxección de programas educativos para colexios a base de “películas instrutivas referentes a costumes de países estranxeiros e de interese científico e xeográfico” mesturadas con filmes propios. Dende os seus comezos (1912) ofertouse como proxector itinerante en cafés, escolas, asociacións culturais ou comisións de festas. Co tempo foi quen de xestionar directamente as primeiras salas de Moaña e Coruxo ata 1922. Será en Ponteareas onde desenvolverá unha modélica traxectoria como exhibido r no cinema Royalty entre 1924 e 1927, dotando á sala dos recursos técnicos mais exquisitos do seu tempo. Programa pensando no público ponteareán, non faltando folletíns e melodramas populares, mais tamén filmes de Griffith, John Ford, Lubitsch, Dreyer ou Murnau que complementaba con cintas locais de produción propia e proxeccións especiais para a rapazada a base de Chaplin ou Harold Lloyd. Tamén xestionará o Cinema do Balneario de Mondariz durante a temporada de 1925, onde alternaba a programación convencional con filmacións propias realizadas no Balneario.