16 :: JOSÉ GIL NA MÚSICA

José Gil ademais de cineasta era un melómano empedernido. Dende cativo viviu enxergado coa música na parroquia de Rubiós, a través do cura párroco Evaristo Serra e a mítica Banda de música de Rubiós ao carón da súa casa. Gil afinaba pianos, tocaba o violín, sabía construír órganos de igrexa e compoñer música. Nas primeiras fotografías que tirou abondan os grupos musicais e no logotipo do paspartú das súas fotos figuraba unha lira en lugar da tópica paleta de pintor.

As súas fillas tamén cantaban e tocaban o piano e o violín. Sempre sonaba a música na casa familiar, como podemos comprobar na visita da violinista internacional Cristeta Goñi reflectida nas fotografías en Vida gallega. Así mesmo, foi un acompañamento imprescindible dos filmes silentes que proxectaba nos cinemas que xestionou, onde tamén ofertaba concertos radiofónicos. Ata o fin dos seus dias teimou por construír un filme musical en colaboración con José Iglesias Sánchez en 1933.

O programa de concertos está baseado nas achegas que apareceron ao longo da investigación e son pezas acreditadas que Gil escoitou ao longo da súa vida. Pretenden ser un programa de 60 minutos que poderíase titular As músicas de Gil. A programación e a duracións dependen moito do repertorio propio e a interpretación de cada agrupación musical. O obxectivo do concerto é achegarse á vida de Gil a través da música.