02 :: JOSE GIL COMO FOTÓGRAFO “ARTÍSTICO”

Non sabemos como aquel rapaz de aldea puido iniciarse na fotografía profesional. Supoñemos que tirando fotografías no entorno do Balneario de Mondariz arredor de 1895 cos fotógrafos que acudían alí na temporada estival. O nome da súa primeira marca, “La afición artística” indica un punto de partida modesto –afección- e unha certa inspiración nas tendencias pictorialistas de moda a finais do século XIX en España.Aquel estilo moderno era practicado por fotógrafos novos como Gil, que consideraban que o retrato debía parecerse ao “arte”, para que os clientes o consideraran “artístico”, mediante técnicas especiais no proceso de positivado -coloreado, pintura ao óleo, etc- ou cunha “posta en escena creativa”. As súas ideas circulaban en publicacións como “La fotografía”, revista da que Gil foi subscritor ata a súa desaparición en 1914. Quizais hoxe, aquelas imaxes “artísticas” resúltannos artificiais e case ridículas por mor das poses forzadas dos modelos fotografados. Mais daquela o retrato “artístico” significaba acadar un aura respectable para lucir nas casas adiñeiradas, como si foran pinturas, porque “era necesario procurar poder chamarse artista fotógrafo como se chama artista pintor“. Os seus contemporáneos dicían que Gil era un artista que tiña a facultade de facer saír ao rostro a alma”. Entre as especialidades destacan as oleografías, o retrato feminino, as tarxetas postais e a fotografía infantil.En 1899 abre a súa primeira galería en Ourense; en 1904 trasládase a Vigo e o seu éxito como fotógrafo popular xa non deixará de medrar ininterrompidamente. Acadará numerosos premios: Reus, revista “La Fotografía” (Madrid), Zaragoza, San Sebastián, Bilbao, Oslo, Bruxelas ou París (medalla de ouro en 1908).

Á altura de 1910 xa estaba considerado como o fotógrafo máis popular de Vigo cun gran éxito social e mediático. A súa modernísima galería fotográfica de Príncipe 49 era visitada polo máis granado e chic da sociedade viguesa: alcaldes, funcionarios, indianos, empresarios, políticos e as súas respectivas familias. Todo o mundo quería ter no salón da casa unha foto asinada por Gil porque era equivalente a mercar unha obra con selo de artista e que funcionaba como imaxe de ascenso social.