03 :: PIONEIRO DO REPORTEIRISMO GRÁFICO

Durante os seus inicios como fotógrafo (1896-1910), as máis prestixiosas revistas gráficas de comezo de século competían pola publicación de fotografías nas súas páxinas. As novas cabeceiras gozan de éxito instantáneo entre os lectores ávidos de imaxes de comezos do século XX. Gil aproveitará a oportunidade para actualizarse, sendo un dos primeiros fotógrafos galegos en ofertar servizos profesionais ás revistas gráficas e acadando deseguida as corresponsalías de famosas cabeceiras como “Nuevo Mundo” (1902), “Blanco y Negro” (1902), “ABC” (1903) ou “Caras e caretas” (1905), o que incrementará seu prestixio profesional. De feito, promove a nova actividade definíndose como “correspondente artístico das revistas madrileñas“.

Mais onde Gil brillará con luz propia será na dirección artística nos inicios da primeira revista gráfica galega moderna: “Vida Gallega“. A participación fotográfica de Gil nos primeiros trinta cinco números dende 1909 a 1911 é abafante. A súa experiencia tornárase fundamental para organizar e deseñar por enteiro todos os procesos gráficos, segundo se informaba no primeiro número: “O notable e afamado fotógrafo Gil estivo incansable. Activo, acertado, disposto a todo, foi a nosa providencia”. Ao longo da súa vida, Gil seguirá a publicar fotografías en xornais como “Faro de Vigo” ou “El pueblo Gallego“. Este espírito xornalístico trasladarao ao cinema cos seus Noticiarios como poderemos comprobar noutro panel desta exposición.