04 :: OS PRIMEIROS NOTICIARIOS DE GALICIA

A experiencia como reporteiro gráfico amplificouse coa cámara cinematográfica e converterase no creador dos primeiros noticiarios cinematográficos de Galicia. Nas repetidas viaxes co seu Ford ía gravando aquí e acolá o que lle parecía interesante. Axiña deseña unha especie de “contenedor” para sacarlle rendibilidade ás filmacións. Toma como modelo os Noticiarios que preceden ás películas de argumento, ao xeito de “Pathé, Gaumont” ou “Fox”. O primeiro será a “Revista Cinematográfica Galicia” (1916), logo transformado en “Actualidades de Galicia” (1919), ata chegar ao proxecto de maior permanencia no tempo: “Noticiario de Galicia” (1927-1934) do que publicará 11 números. O primeiro Noticiario pasouse no Royalty de Vigo o 20 de decembro de 1928. O financiamento corría por conta de industriais vigueses en concepto de publicidade, segundo o propio Gil animaba na prensa: “Por que non filma as súas industrias? Fílmeas y póñaas no Noticiario de Galicia“. Inicialmente foran concibidos para seren proxectados en Arxentina e Cuba, mais aos poucos chegará a consolidar un circuíto que os exhibía gratuitamente en Vigo, Ferrol, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Porriño, Marín, Tui, Bueu, Baiona, Caldas, Ponteareas, O Grove, Lalín, Arcade, Sanxenxo, Sada, Gijón, Oviedo, Cádiz, Bilbao e algunhas cidades de América. As reportaxes abordan temas sobre turismo -praias, hoteis, barcos-, educación, deportes -fútbol, atletismo, ciclismo- ou eventos concretos como naufraxios, a visita de Primo de Rivera, a elección de Miss Galicia ou traslado dos restos de Cachamuiña. Cada Noticiario completábase con filmacións relacionadas coas actividades dos patrocinadores: empresas, comercios ou industrias. Practicamente todas as reportaxes filmáronse no sur de Galicia e manifestaban un carácter nitidamente urbano, aportando unha imaxe positiva da modernidade da Galicia do seu tempo. A produción dos Noticiarios de Galicia acada a intensidade máxima entre 1929 e 1933. A implantación definitiva do cine sonoro suporá a fin das posibilidades de expansión e continuidade do proxecto.