05 :: O PRIMEIRO DOCUMENTALISTA DE GALICIA

Cara finais de 1909 merca unha modernísima cámara de cine Gaumont de madeira con obxectivo fixo e golpe de manivela. Adquire en Francia e Alemaña obxectivos, equipamento de positivado e produtos de laboratorio, como unha prolongación do estudo fotográfico. O reto profesional é construír unha “casa cinematográfica” que desenvolva o proceso completo da produción, dende a filmación ata a copia final. O procesamento das imaxes facíase en escasas horas. De aí os slogans da “Cinematografía Gil”: “fanse películas en 24 horas” ou “produce 1.000 metros ao día“. Diste xeito, Gil confiaba en conformar o que denominaba “cinematografía rexional galega”.

Como un neno con zapato novos, dende agosto de 1910, comezou a filmar todo cando lle rodeaba, nomeadamente Vigo e arredores. O éxito popular animouno a captar continuamente novos temas e non parará de xirar a manivela ata 25 anos despois . Foi produtor, camarógrafo e director de mais de 150 títulos ao longo da súa traxectoria, case todos do xénero documental.

Os seus documentais eran sinxelos, cunha feitura similar aos que ían chegando a Galicia no primeiro terzo do século XX. Nun principio similares as “fotografías animadas”: un rexistro simple do contido a base de planos frontais e lenes panorámicas de axuste de movemento, sen interese pola montaxe. Toma, plano, escena e película coinciden. Mais o cineasta irá evolucionando ao longo dos anos mediante adaptacións de todo tipo de formatos documentais, experimentando todas as variacións do xénero: reportaxes de actualidade, noticiarios, películas industriais, vodas, publicidade, cine familiar etc. A través deles amosa a vitalidade e modernidade da Galicia urbana e industrial. O seu resultado tamén era similar ao doutras “películas do natural” que se proxectaban nas pantallas do mundo precedendo ás “películas de asunto” -o que hoxe denominamos ficción-. O entusiasmo de Gil reflectíase habitualmente na prensa da época: “Gil sen máis axuda que unha tenacidade incansable logrou instalar en Vigo un taller de cinematografía capaz de competir hoxe cos mellores de España e dentro de pouco cos estranxeiros“. Posiblemente esaxeren un pouco, pero en calquera caso, están a tomar nota do nacemento da primeira estrutura de produción da historia do cine en Galicia e a de máis longa permanencia no tempo do século XX.