06 :: O CINEASTA DA EMIGRACIÓN

Dende 1910 ata os anos sesenta do século XX, emigrados de acolá e galegos de acá cruzáronse curiosas cartas cinematográficas dunha á outra banda do Atlántico. As latas viaxaban nas bodegas dos mesmos buques que transportaban a emigrantes ou retornados, para proxectárense nos cinematógrafos de América e Galicia.

Estas “películas de correspondencia” cruzaban o mar en ámbalas direccións, conformando unha especie de intercambio iconográfico entre Galicia e América.

Dende os seus comezos en Vigo en 1904, Gil entendeu á perfección o potencial da emigración. O porto de Vigo era o que máis emigrantes enviaba a América. Debeu recibir innumerábeis encargas fotográficas de xentes que viaxaban cara Bos Aires, Habana ou Montevideo. Dicía “Cando se regrese de América o cando se marcha cara alá, o primeiro coidado debe ser encargarse un bo retrato. En 24 horas“. Así mesmo, o elevado número de galegos en América constituía un mercado natural para comercializar os filmes que producía dende 1910. En definitiva, coñecía perfectamente o potencial económico da emigración galega en ultramar. De feito, foi o primeiro que reivindicou o mercado americano para a exhibición de películas galegas e que consideraba como unha oportunidade única para consolidar a nosa cativa industria cinematográfica. Realizou numerosos filmes sufragados por Sociedades de emigrantes de Lalín, Gondomar, Morgadáns, Fornelos da Ribeira, Escolas do Val Miñor e moitas outras. Neles agromaban as festas e tradicións populares, escolas e imaxes de gran valor etnográfico e antropolóxico. Tamén enviaba periodicamente programas especiais cos seus filmes: Los encantos de Galicia, Las bellezas de Galicia ou similares, para seren exhibidos nos mellores cinemas de Montevideo, Bos Aires e Habana. De feito, os filmes vigueses de “Recuerdos de Galicia” constitúen a s primeiras imaxes en movemento de Galicia que se proxectaron en América, no Teatro Nacional da Habana en abril de 1912. En 1928 contratou co Teatro Avenida de Bos Aires un “Noticiario Gallego” mensual para que os galegos emigrados recibiran novas do acontecer de Galicia. Mais só conseguiu producir un único número. Tamén filmaba pequenos encargos á particulares que querían amosar alén do mar a patria da infancia “Fixen bastantes películas pequenas nas que aparecen os pais e irmáns dos emigrados, as súas casas e hortas, todo canto eles aman no país natal e atraen os seus sentimentos”