07 :: CREADOR DO CINE INDUSTRIAL E TURÍSTICO

No comezos da historia do cinema, o problema máis importante dos primeiros camarógrafos era a financiación da súa actividade. A produción era custosa e os pioneiros aguzaban o enxeño para sufragar novas películas. A procura de clientes e patrocinadores converteuse nun obxectivo prioritario para a supervivencia das casas produtoras, pois daquela non existían axudas públicas para o cine. Dende o principio, José Gil decatouse que tiña que acudir á iniciativa privada para desenvolver o seu proxecto de “cinematografía rexional galega“. Para elo, convenceu a empresarios e industriais galegos para exhibir películas que promocionaran os seus produtos nas pantallas de Galicia e América. Foi o primeiro que conseguiu manter unha certa produción deste tipo de películas industriais que hoxe poderíamos asimilar ao moderno branded content. Xa en 1911 acadou o interese da conserveira de Antonio Alonso con “La industria conservera en Galicia”; decompañías navieiras como Lloyd Norte Alemán e Lloyd Real Holandesa “La emigración en los puertos gallegos“; as fábricas de electricidade de Laureano Salgado en Caldas; ou empresas ás beiras do Lérez do indiano retornado Casimiro Gómez en 1914. Outros esforzos xirarían arredor da promoción turística dos balnearios, un tema recorrente da cámara de Gil en Mondariz, A Toxa, Cuntis, Caldas, Lérez ou Caldelas de Tui a través de títulos como “Los balnearios en Galicia” (1931)) que se proxectaba nas viaxes de ida e volta dos transatlánticos en ruta por América.

Entre os máis de 70 documentais industriais catalogados podemos citar os realizados para o Palacio del automóbil (1926), o proceso de fabricación do pan na modernísima Panificadora Viguesa (1926), Talleres Alonarti-Sociedade La Artística (1927), a Fábrica de xabóns da Toxa (1929), a novísima Banca Viñas Aranda (1929), o estaleiro de Fillos de Barreras (1930), a fábrica de lámpadas Yria de Padrón (1930), os comercios da rúa Príncipe (1932), fábricas e estaleiros de Bouzas (1932), o Hotel Universal (1932), Conservas Albo (1934), Fábrica de galletas La Peninsular en Tui (1933), Cervexa A Barxa (1933) Fábrica de cerámica Mas en Porriño (1933), “Bodegas regionales” (1932) ou Chocolates Viso (1935). Tamén acadou financiación dalgunhas institucións para promocionar as obras da Xunta de Obras do Porto, as iniciativas pedagóxicas da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e a promoción do turismo por encarga dos Concellos de Vigo , Caldas e Marín.