Arbo

Arbo é un concello limítrofe coas Neves, municipio de nacemento de José Gil. Estamos certos que frecuentou festas e romarías das parroquias arbesas nos seus anos mozos, pois ademais ambos os concellos estaban conectados polo ferrocarril. Podemos velo nalgunhas imaxes publicadas na revista Vida Gallega nos primeiros números, como a reportaxe gráfica sobre a derrota francesa na ponte de Mourentán no Centanario da guerra da Independencia.

Máis nomeadamente na magnífica prancha gráfica da revista Vida Gallega publicada en xullo 1914, que amosa a expectación da veciñanza diante do primeiro Ford que chegara á localidade, e o ambiente festivo da Festa dos emigrantes á que asisten preto de 300 comensais.

Nese mesmo ano, anuncia que está a preparar a filmación dun proxecto sobre o proceso da pesca da lamprea, para a Exposición de Turismo de Londres, un proxecto do que non temos máis referencias, quizais porque o estoupido da 1ª guerra mundial obrigou a cancelar a Feira internacional londiniense.