Baiona

O Concello de Baiona foi visitado en numerosas ocasións pola cámara de Gil.

Dende as reportaxes fotográficas publicadas en Vida Gallega até a filmación a finais de xullo de 1910 de Visita de periodistas ingleses, unha das primeiras películas impresionadas polo cineasta. Mais estamos seguros da súa fascinación polo potencial turístico da vila, acreditada en varios títulos: polas terras de Baiona filmou Las romerías en Galicia, que recollía todos os actos da tradicional romaría de San Cosme, e onde
multitude de vigueses ían até Baiona en barco ou en carros do país recubertos de
ramaxes. E tamén filmou Costumbres y bailes gallegos ou Marineros contemplando el
rompeolas en la Concheira durante o verán de 1911 e proxectados na Habana en 1912.

Gil era amigo persoal do empresario Laureano Salgado, impulsor do monumento á Virxe da Rocha. Por iso remata varios documentais cunha panorámica moi icónica de Baiona e a estatua da Virxe co solpor nas Cíes. Podemos velo en filmes como Nuestras fiestas de allá (1928), ou en Visita de los Reyes a Vigo (1927), con imaxes da excursión real de Afonso XIII pola ría até Baiona. Así mismo, na bobina do «CINEMOVIL reclame nº 2» aparece unha tournée de turistas ingleses por Baiona.

No «salón Cine» de Baiona e no «cine Sabaris» proxectábanse habitualmente case todos os documentais de Gil e os Noticiarios de Galicia entre 1918 e 1933.