Bueu

A relación de Gil coas industrias conserveiras explica o interese do pioneiro do cinema por unha vila como Bueu. O propio Gaspar Massó -cineasta afeccionado- gabábase de ser amigo de José Gil, sendo ademais un cliente habitual de “Galicia Cinegráfica”. Imaxes da vila bueuesa deberon integrarse en varios filmes sobre as indsutrias conserveiras noutros títulos de José Gil como La industria pesquera en Galicia (1911).

Afortunadamente conservamos unha das fitas que filmou na vila: Boda en Bueu (1928) co rexistro do enlace matrimonial de José Santos Ríos y Manuela García Santos, celebrada o 20 de maio de 1928.

Despois da presentación do “Cinemóvil Reclame Nº2” en outubro de 1929 en Vigo, o día 28 do mesmo mes o camión visitou Bueu con grande éxito de público. As conserveiras de Bueu patrocinaron a derradeira filmación de Gil: La península de Morrazo (1935), que rexistraba a actividade das industrias pesqueiras no Morrazo con imaxes de Bueu, Aldán e Cangas. A prensa afirma que Gil filmará “con la perfección que caracteriza su obra moderna”. Algúns documentais e varios números dos Noticiarios de Galicia proxectáronse habitualmente no “Salón Victoria” (1920-1984), propiedade de José Martínez.