Caldas de Reis

José Gil era un gran promotor dos Balnearios de Galicia e mantiña unha grande amizade con Laureano Salgado, o pioneiro da electricidade en Galicia. Por iso visitou a vila de Caldas en repetidas ocasións no devalar da súa vida.

Gil foi o fotógrafo que realizou a instalación fotográfica das fábricas e saltos de auga do empresario caldense para a Exposición de Santiago de 1909. Por ese traballo acadou a medalla de ouro da Exposición Rexional de Compostela.

Mais tamén filmará en varias ocasións imaxes da súa fábrica de luz, as fervenzas do Umia, arredores de Caldas, e os complexos termais do Gran Hotel Dávila e Acuña (en agosto de 1911, 1912, 1914 e 1924). Moitas desas imaxes aparecen nos documentais Revista cinematográfica Galicia (1916) e Pontevedra y sus paisajes (1924).

En setembro de 1926 volve a filmar nos arredores de Caldas co patrocinio do Concello e os propietarios dos balnearios Acuña e Dávila.

Coidamos que a peza máis relevante das varias impresionadas en Caldas foi Galicia y
sus balnearios, filmada en agosto de 1931 con imaxes das instalacións balnearias, as festas locais, unha xira á fervenza do Umia e un dia de mercado en Caldas. A estrea tivo lugar en novembro de 1931, no transatlántico Asturias da Mala Real inglesa en viaxe cara a Bos Aires. No Salón-cine do exhibidor local Serafín Cascallar Bayón pasou varios números no seu Noticiario de Galicia entre 1927 e 1932.