Cangas

A vila de Cangas aparece en varias fotografías e secuencias tiradas dende Vigo durante o percurso do vapor que une ambas cidades. De feito, unha das primeiras fitas filmadas por Gil, o 6 de xullo de 1910, foi Salida del Wolverine,  un barco de recreo con base en Cangas que facía rutas para turistas, sendo ademais o primeiro buque que navegou coa bandeira galega pola ría de Vigo.

En 1912, Gil foi convidado pola Comisión de Festas de Cangas para proxectar publicamente varios filmes propios, entre eles  La fiesta de la Coca en Redondela. Imaxinamos que filmou varias veces as actividades pesqueiras que se reflectían en Pontevedra y sus paisajes(1924). No Salón Cine que funcionaba na vila canguesa a mediados de 1920, proxectáronse algúns documentais e  varios números dos Noticiarios de Galicia, así como Los Reyes de España en su visita a Vigo en decembro de 1927.

O domingo 27 de outubro de 1929, o Cinemóvil-Reclame Nº 2 proxectou filmes nunha praza de Cangas con grande éxito popular. Por último, as conserveiras de Cangas patrocinaron a derradeira filmación de Gil: La península de Morrazo (1935) que rexistraba a actividade das industrias pesqueiras no Morrazo con imaxes de Bueu,  Aldán, e Cangas.

A prensa afirma que Gil filmará esta película “con la perfección que caracteriza su obra moderna” .