En 1882, cando José ten 12 anos, o seu pai, Domingo, consegue o seu destino definitivo no posto da Garda Civil da Lamosa, concello de Covelo.
Sabemos que co gallo deste novo destino, a muller María e o pequeno José foron vivir con el á Casa-cuartel da Lamosa. Pola primeira vez, a familia convive xunta, imaxinamos que con certas dificultades porque o matrimonio non se levaba moi ben. De certo que José foi un dos preadolescentes da escola da Lamosa nos anos que viviu en Covelo, á altura de 1882, en que estudaban no lugar de Paredes vinte nenos maiores de doce anos. A clase, moi modesta, estaba presidida por unha cruz e o retrato de Afonso XIII e non contaba con libro ningún. O seu mestre chamábase Vicente Outerelo.
A convivencia familiar non prosperou; de feito, nai e fillo retornarán a Rubiós aos poucos, mentres Domingo ficou na Lamosa. Debeu tomar moi en serio o traballo policial, porque demostrará ser un axente decisivo en varias capturas de malfeitores, así o acredita a felicitación recibida en 1884 por identificar e apresar os ladróns que asaltaban igrexas na contorna da Paradanta. Tamén resolverá o atraco á casa reitoral de Lougares (Mondariz) en 1887 e, sobre todo, cando resolva un mediático roubo no Balneario de Mondariz en 1889: «Por iso Domingo, o civil das Laxes, debía ser ben coñecido na contorna polas “forzas vivas” da Paradanta e o Condado». Solicitou o retiro en xaneiro de 1890 e retornou á súa casa de Rubiós coa paga de 22,90 pesetas e tres galóns de distincións polos servizos prestados na Garda Civil.
O ronsel de Gil na Lamosa constátase a través de varias fotografías, como unha reportaxe sobre as obras da estrada á Cañiza, inauguradas polo Deputado Alejandro Mon Landa, e dunha fotografía publicada na revista Vida gallega (25/3/1921) co pé de foto: «En Lamosa obsequian a los viajeros las relaciones de la patria local de Gil». Como curiosidade pouco coñecida, o día 13 de setembro de 1925 filmouse a romaría de San Bartolomeu da Lamosa para a longametraxe galega Carmiña flor de Galicia (Rino Lupo).