Lalín

Temos constancia documental de varias viaxes de Gil pola terras do Deza. As dúas filmacións realizadas en Lalín salientan a devoción de Gil polo progreso e a modernidade. A primeira céntrase no ensino e a segunda na aviación. A máis antiga foi en xullo de 1914, cando impresiona un filme de correspondencia para sociedade porteña Hijos del partido de Lalín rexistrando imaxes do recentemente construído cemiterio –inaugurado en poucos meses- , o estado das obras do Hospital-Asilo-Escola, así como varias secuencias dos arredores da capital do Deza e as festas populares da bisbarra. O filme foi transportado por Perfecto Feijóo a Arxentina, onde agradou moito aos emigrados lalinenses.

O xornal porteño “Nova Galicia” de 5 de decembro de 1914 informaba: “La veracidad de la construcción la conocen los asociados porque públicamente se han visto las obras con el personal activo trabajando por medio de la notable cinta cinematográfica del fotógrafo Gil”.

A segunda película foi un documental completo sobre El último vuelo de Loriga a Lalín o 23 de xuño de 1927, recollendo a derradeira viaxe do ilustre aviador e que hoxe sería un documento de extraordinaria relevancia. Na fita asistiríamos á aterraxe do popular e malogrado aviador Joaquín Loriga, o  recibimento polo gobernador civil de Pontevedra, mentres os seus amigos e veciños o arroupan. A fita finalizaba coa celebración dun solemne Te Deum e o seu despegue dende a Toxeira para non regresar máis por mor do accidente que interrompeu a súa vida, aos vinte días desta filmación. Gil agardou pola inauguración do monumento a Loriga -obra de Asorey- para estrear a película, cinco anos despois, no Salón Cine Deza (1928-1936), propiedade do industrial Leandro López del Río, onde por certo tamén se pasaban habitualmente  Noticiarios de Galicia e outros documentais de Galicia Cinegráfica. .