Marín

Pola súa situación xeográfica,  Gil debeu percorrer moitas veces a ría de Marín como director artístico da revista ·Vida Gallega.

A primeira nova relacionada co cinematógrafo que coñecemos foi á  filmación dunha cinta de máis de 1.000 metros de  Maniobras navales en las Rías de Galicia (1911), impresionando unha das meirandes concentracións de barcos de guerra da historia de Galicia nas rías de Vigo e Marín; un documental de 40 minutos que recollía as manobras navais das escuadras británicas -19 barcos- do Atlántico e o Mediterráneo a finais de xaneiro de 1911.  

En 1919 regresará á vila para impresionar novas secuencias da ría de Marín grandiosa como un lago suízo que formarían parte da Revista Galicia Film e tamén de  Pontevedra y sus paisajes (1924).  Mais a filmación máis interesante producirase en 1926, cando o Concello de Marín lle encargue un documental completo de 450 metros que rexistrase varios asuntos locales del natural, entre eles, unha viaxe de señoritas pola ría ata Loira, o ensino en Marín nos colexios da Concepción e San Narciso, tarefas de pesca, a base naval, o polígono Janer e un desfile de exploradores polo centro da vila. A fita titulábase Marín, sus paisajes y sus progresos e foi estreada no Cinema Quiroga o 14 de agosto de 1926. Unha semana máis tarde estreouse no mesmo lugar Galicia Pintoresca. O Cinema Quiroga (1917-1988)  fundado por Francisco Salazar seguiu a proxectar durante varios anos -até a chegada do cinema sonoro- documentais como Los Reyes de España en su visita a Vigo, así como os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica..

O camión do Cinemóvil Nº2 visitou  Marín o 29 de outubro de 1929 cunha gran acollida popular.