Mondariz

As terras de Mondariz representaron un espazo de referencia fundamental na biografía de José Gil.

O seu pai, Domingo Gil, era un Garda civil que patrullaba polas terras da Paradanta e debeu influír para que os Peinador acollesen o seu inquedo fillo nas instalacións balnearias do Gran Hotel. Aquel mozo, José, debeu aprender naquel Eldorado do Condado: ebanistaría, fontanaría, electricidade e, con certeza, foi en Mondariz onde Gil se iniciou na fotografía.

A primeira nova da relación de Gil coa fotografía data de arredor de 1895 ou 1896 coa súa primeira marca: “La afición artística”, cubrindo a temporada de verán. No reverso do cartón da foto, figura unha sorprendente listaxe de habilidades baixo a imaxe dunha lira: “Balneario de Mondariz: José Gil Fotógrafo”. “Se construyen órganos de iglesia y se
afinan pianos”. “Se instalan y arreglan aparatos eléctricos”. Despois trasladouse para Ourense e Vigo, pero regresará periodicamente para facer reportaxes especiais en xornais e revistas gráficas, ademais de filmar oito películas, entre elas, as pioneiras: Mondariz (1910) e Visita de periodistas ingleses a Mondariz (1910).

Na temporada de 1925 asina un contrato con Enrique Peinador Lines para facerse cargo da xestión do Cine-Teatro do Balneario. Complementaba as proxeccións con filmacións sobre a vida cotián dos auguistas como en “Mondariz, vida balnearia”. Así mesmo rexistrará varios eventos daquel verán, entre eles, ”Visita de médicos de la Universidad de Santiago” ou “Inauguración do monumento ao Médico Maximino Rodríguez”. A derradeira filmación corresponde ao proxecto “Galicia y los balnearios”, durante o verán de 1931. A película non se limitaba ás instalacións termais, pois contiña numerosos planos de contexto, como días de mercado, saídas de misas, paseos polas ribeiras dos ríos ou festas e costumes típicos das aldeas dos arredores. A película estrearase a bordo do transatlántico “Asturias” da Mala Real Inglesa, de camiño cara á Arxentina a fins de 1931. Se Rubiós foi a patria da súa infancia, Mondariz serao da mocidade, e sempre aniñou no seu corazón como unha referencia obrigada no devalar do pioneiro do cinema en Galicia.