Nigrán

Desde 1909, Nigrán foi un concello clave na traxectoria de José Gil, pois visitouno en numerosas ocasións para fotografar e filmar as actividades das escolas americanas, patrocinadas pola “Unión Hispano-americana Pro Valle Miñor”. Como amante do progreso e a modernidade debeu admirar profundamente a renovación pedagóxica que supuña o funcionamento desta innovadora iniciativa. Podemos velo coa súa filla María atravesando a ponte da Ramllosa no seu Ford nunha das súas visitas en  1915. De feito, Gil documentará ritualmente a través de fotografías e filmes a actividade escolar, rexistrando os fitos de cada ano lectivo: a inauguración solemne do curso escolar e entrega de premios (setembro); a festa da Raza (12 de outubro), o aniversario da entidade Unión Hispano Americana Valle Miñor (xaneiro), a festa da Árbore (primavera) e a celebración da independencia da Arxentina (25 de maio). Temos acreditada a produción -como mínimo- de seis documentais enviados á América periodicamente, para que os miñoráns de alén mar tivesen coñecemento das actividades que financiaban.

A xira do flamante “Cinemóvil Reclame Nº1” tamén viaxou pola Ramallosa e A Guarda até que, tan só seis días despois da estrea, ardeu inesperadamaente o camión na noite do 11 de decembro de 1926, na estrada de Gondomar a Camposancos, perdéndose o prototipo das películas.