José Gil foi visitante asiduo da illa da Toxa por mor da amizade que mantiña co xornalista Jaime Solá, a cuxa familia pertencía, en parte, o Gran Hotel Balneario. Ao longo da súa traxectoria tirará moitas fotografías e reportaxes fotográficas no concello grovense como un paradigma da modernidade. Será aquí onde realice unha das súas
primeiras películas documentais: Visita de los periodistas ingleses a finais de xullo de
1910, onde rexistra as actividades da estadía dos xornalistas no Gran Hotel, entre elas a
actuación do coral Aires da Terra dirixida por Perfecto Feijoo.
Así mesmo, será a localización principal da primeira curtametraxe de ficción do cinema
galego, Miss Ledya en 1916, onde Castelao interpreta o papel de pastor protestante.
Regresará en 1919 á Toxa para filmar unha reportaxe sobre a bendición de automóbiles
na illa para Los Ford en Galicia. Tamén aparecían vistas do Balneario e o Gran Hotel
na revista Galicia Films (1919) e Pontevedra y sus paisajes (1924). En 1927 realizou un
documental industrial sobre Jabones de la Toja (1927) e outro filme turístico co título
Pontevedra (1934). No cine Besada (19211976) do Grove proxectábase habitualmente
o Noticiario de Galicia até que o seu empresario José Besada incorporou o cinema sonoro en febreiro de 1934.