O pai de José Gil, o garda civil Domingo Gil, estivera destinado na casa cuartel do Porriño a comezos de 1873, cando o futuro cineasta só tiña tres anos. O Porriño era un lugar de paso na visitas co seu Ford e as estadías na aldea natal, Rubiós (As Neves). Ao longo dos anos impresionou algunhas películas no Porriño como Campamento de tropas nas gándaras de Budiño que aparecían en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) en 1924. O médico municipal do Porriño, Aquilino Álvarez Argüelles, era un grande amigo da familia, chegando a presidir o enterro da súa filla Rosa Gil en 1922 e asistindo aos funerais de María e Josefa.
No entanto, en agosto de 1925, a “Unión de Sociedades do Distrito de Porriño” de Bos Aires produciron un documental de 1.000 metros, Porriño y su distrito, para ser enviado á Arxentina con imaxes das diferentes parroquias do concello. Era unha das encargas habituais de José Gil por toda Galicia por ser considerado “o cineasta da emigración”. Lamentablemente, nesta ocasión o contrato de produción non recaeu na empresa de Gil, senón na produtora arxentina “América Hispana Films” do emigrado leonés León Artola. Supomos que o feito debeulle causar certo desgusto ao noso cineasta de Rubiós.
No verán de 1933 percorreu varias localizacións do concello filmando panorámicas do Porriño e as súas industrias e patrocinado pola empresa local, a fábrica de cerámica e ladrillos “Mas”. Esta fita integrábase no derradeiro Noticiario de Galicia (nº 11), sendo estreado no Teatro Diz o 22 de marzo de 1934.
Entre 1928 e 1933 -até a chegada do cinema sonoro- exhibíronse habitualmente documentais sobre Vigo e os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica no “Salón Diz” (1920-?), propiedade de Servando Diz Rey.