Poio

Gil sempre amosou un grande interese polo potencial turístico de vilas e cidades galegas.

No concello de Poio, o labor do cineasta aparece centrado nas fotografías icónicas e filmes sobre a vila mariñeira de Combarro.

A primeira nova acreditada da estadía do cineasta en Poio é de finais de 1910, cando filma o primeiro gran documental sobre a teoría de «Colón gallego»: La patria de Colón, en que participaba o propio historiador Celso García de la Riega presentando as localizacións de Portosanto, o lugar onde naceu Colón. A cámara de Gil filmou ademais os arredores e varias «escenas labregas». En anos sucesivos gravou numerosas imaxes pintorescas de Combarro que aparecían repetidamente en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) (1924) e dez anos máis tarde en Pontevedra (1934), das que lamentablemente non conservamos copias.

En Poio tamén nacera en 1920 Manuel Arís, outro cineasta da emigración americana, e no Mosteiro está soterrado Antonio Rey Soto, director da longametraxe Un viaje a traves de Galicia y Asturias producida para a emigración galega en América.