ARREDOR DE JOSÉ GIL EN PONTEAREAS

Ponteareas

O concello de Ponteareas é un lugar central da memoria de Xosé Gil. A vila está presente na súa traxectoria dende a infancia e mocidade pola proximidade á aldea de nacemento: Rubiós. Nomeadamente entre 1923 e 1927 cando decida instalarse na vila, ao carón da praza maior, onde xestionará o cinema Royalty e falecerá a súa terceira filla Pepita Gil Sarabia.

Durante a estadía en  Ponteareas filmará varias películas locais Partido de fútbol: Comercial de Vigo Vs Unión  de Ponteareas, Actualidades de Ponteareas, Semana Santa en Ponteareas; Fiestas de los Remedios de Ponteareas, Homenaje a Gabino Bugallal etc.

 Tamén mantivo unha programación permanente no seu cinema, -de momento dispomos dunha listaxe de 108 títulos exhibidos- programación que mimaba proxectando filmes recoñecidos de grandes directores como D. W. Griffith. John Ford, Fritz Lang, F.W. Murnau ou Carl Dreyer. Tamén xestionaba unha galería fotográfica pola que pasou boa parte da veciñanza de Ponteareas e, con certeza, aquí tiña a sede a súa produtora Galicia Cinegráfica e  único laboratorio cinematográfico de Galicia.

Regresará definitivamente para Vigo en marzo de 1927, mais no Teatro Colón seguirá a proxectar boa parte dos documentais e noticiarios de Galicia producidos por Gil en anos posteriores.