Pontecesures

Ao longo do tempo, Gil pasou por Pontecesures en varias ocasións, tanto en tren como -dende 1914-, no seu automóbil Ford, de camiño a Compostela. Supoñemos que algunhas imaxes da vila aparecerían en Viaje en tren de Carril a Santiago(1910).  Podemos aprecialo tamén nalgunhas fotos publicadas na revista Vida Gallega da que era director artístico.

Aínda que non identificamos filmacións específicas de Gil na vila de Pontecesures nos seus inicios, a comisión organizadora da 2ª  Feira de automóbiles de 1926 encargoulle a filmación dunha película na que aparecían as industrias asistentes (Panificadora viguesa, Faro de Vigo, Fiat, a empresa automobilística de Bruzos Varela, así como varias industrias viguesas…). Esta encarga foi decisiva na reactivación da empresa “Galicia Cinegráfica” e un balón de oxíxeno para o cineasta que daquela vivía en Ponteareas. O resultado final foi 2ª Feria automovilística de Pontecesures: unha completa reportaxe sobre o evento que, ademais de reflectir o ambiente xeral da feira nos diversos stands e visitantes da mesma, incorporaba numerosos planos de paisaxes e rúas da vila.

A estrea do filme terá lugar os  dias  26-28 de xuño de 1926 no Salón Cesures (1921-1939), propiedade de José Gerpe. A mesma sala tamén proxectou algúns filmes de Gil durante a Feira. O Salón Cesures tivo a honra de ser a 6º localidade española onde se exhibiu La casa de la Troya o 29 de marzo de 1925, segundo conta o escritor Borobó. Así mesmo, o  Cinemóvil Reclame Nº 2 proxectou o seu programa en Pontecesures o 6 de novembro de  1929.