Pontevedra

O Concello de Pontevedra  é un espazo de referencia obrigada na traxectoria de José Gil. Debeuna visitar en numerosas ocasións ao longo da súa vida. De feito, quizais fora unha das “persoas doutras localidades de Galicia” que asistiron ás primeiras proxeccións cinematográficas Lumière no Teatro principal de Pontevedra o 17 de abril de 1897.

Trece anos despois regresará á  boa vila para impresionar algúns dos seus primeiros filmes en 1910 e 1911. A primeira referencia correspóndese con Visita de periodistas ingleses a Vigo y Pontevedra(1910),  Pontevedra  patria de Colón (1910), -un documental de 500 metros sobre as orixes pontevedresas de Cristóbal Colón-, Viaxe en tren de Vigo a Pontevedra (1910), Festa nas capitais de Galicia (1911), Salida de misa de doce de Santa María (1911) e Un dia de feria en Pontevedra (1916) na que impresionou imaxes da Ferrería, o campo da feira, a estrada de Ourense,  Oliva e  outras rúas da cidade.  Outro fito sobranceiro será Novillada del Club Machada (1914), coa filmación da  corrida de touros na praza de Pontevedra -organizada polo Club Machada vigués – en que os picadores de cabalos ían en coches Ford e que mereceu unha felicitación manuscrita do mesmísimo Henry Ford dende Detroit.

Tamén en Pontevedra realizou a primeira peza de ficción do cinema galego Miss Ledyia (1916) coa participación de Castelao como actor. A súa amizade persoal co multimillonario retornado Casimiro Gómez, contribuíu a que a cámara de Gil visitara a cidade varias veces, como na “Inauguración de la avenida de Buenos Aires (1911) ou a magnífica “Granxa de Monteporreiro” filmada para a Exposición internacional de Sevilla en 1929, que incluía unha  exhaustiva e didáctica visita ás instalacións dunha das ganderías modelo máis innovadoras da España daquela.

Xunto con Fausto Otero creou en Pontevedra a segunda produtora galega “Galicia film” (1919). Entre 1919 e 1934 filmará en  numerosas ocasións á boa vila en varios documentais xenéricos como: Revista Cinematográfica Galicia”(1919),  Pontevedra y sus paisajes, Actualidades de Pontevedra (1924), Pontevedra (1934) ou varias novas para o  “Noticiario de Galicia en América” con secuencias do violinista  Manolo Quiroga e a súa esposa María Lemán nos xardíns da escola normal de Pontevedra en outubro de 1926.  Asemade, Pontevedra aparecía nos Noticiarios de Galicia como a Corrida goyesca a beneficio da  prensa de Pontevedra (7/7/29).

O filmes de Gil proxectábase habitualmente no Teatro Principal, Circulo Antoniano, Petit Palais,  Café Moderno e sobre todo no Ideal. Así mesmo, o Cinemóvil Nº2 visitou Pontevedra con gran éxito durante tres días, do 24 ao 26 de outubro de 1929.