Rubios é a patria da infancia de José Gil. Aquí naceu en 1870, deprendeu a ler, escribir, contar, ademais de adquirir coñecementos musicais da man do párroco Evaristo Senra. Os vellos lembraban que “o José era un rapaz tímido, reservado e solitario, pero moi inquedo e intelixente“. A parroquia constitúe o seu universo, ata que “puxo o mundo por monteira” e foise a buscar a vida fora das Neves. Mais nunca perdeu o contacto coa patria natal que visitaba con frecuencia coas súas tres amadas fillas, nomeadamente nos veráns, para visitar a nai, María Gil Álvarez e o vello garda civil Domingo Gil González ata que falece en 1924.
Gil – xa sen as fillas- foi amañando a casa patrucial e pasaba temporadas máis longas nas terras de Rubiós atendendo as viñas familiares. Participaba activamente nas Festas do Libramento encargándose da iluminación nocturna ou proxectando películas para a rapazada no adro da Igrexa. En 1926 filmou dúas películas na aldea natal: “O muiño do freixo”, protagonizada por Jesusa Fernández Gil (1907-1995) e “A festa da Virxe do Libramento” coa cerimonia relixiosa, a procesión, a corrida de galgos, cucañas, o partido de fútbol, a pelexa de galos e ambiente da festa na pequena aldea coa iluminación eléctrica á veneciana. Hoxe sería un documento audiovisual extraordinario. En Rubiós, xa moi enfermo transcorreu o derradeiro verán no infausto 1936, tres meses antes de falecer en Vigo.