Salvaterra de Miño

O concello de Salvaterra é un concello limítrofe coas Neves, municipio de nacemento de José Gil. Estamos certos que frecuentou festas e romarías das parroquias salvaterrenses nos seus anos mozos, pois ademais ambas vilas estaban conectadas polo ferrocarril.

Podemos ver algunhas  imaxes publicadas nos primeiros números da revista Vida Gallega, como a reportaxe gráfica sobre as instalacións vinícolas de  A fillaboa en 1909. Porén, o mais relevante será a filmación na parroquia de Fornelos da Ribeira dun dos sete documentais que conservamos do noso cineasta: trátase de Galicia en Buenos Aires producido en maio de 1931 para os emigrados da Sociedade Hijos de la Rivera y anejos de Bos Aires co gallo da inauguración da sede do Sindicato Agrícola y Ganadero El progreso. O filme custou 2.840 pesetas e levoulle sete días de rodaxe. Contratou como axudante ao veciño de Fornelos, Manuel Monteagudo. A película documenta varias labores do  campo -sega, enmeduca, estercado, arado, malla-; após a visita ao muiño no río Tea imos até as leiras de Candán e o alto dunha labrada, a feira de gando de Ponteareas e  inauguración do local social de Fornelos, para rematar na multitudinaria romaría popular da Ascensión en Pesqueiras. A película estreouse os domingos 14 e 21 de xuño de 1931 na sede do sindicato, cunha asistencia multitudinaria,  para despois exhibirse en Bos Aires o 15 de agosto de 1931. Após o proceso de restauración, a película volveu a revivir en Fornelos o 21 de xullo do ano 2000 as 21.00 na igrexa parroquial de San Xoán cun cheo total. Gran parte dos vellos e vellas recoñecéronse nos nenos e nenas que aparecían na pantalla e choraban emocionados por volver a ver “a nosa película”. Aínda seguía vivo aquel anaco perdido da historia, 69 anos despois da primeira proxección.