Aínda que non dispomos de moitas novas coa presenza de José Gil na Perla de Arousa, no entanto o diario vilagarcián Galicia Nueva foi un dos primeiros xornais que deron conta dos seus inicios no cinema o 24 de xullo de 1910.
Os balnearios, os ferrocarrís e as empresas navieiras foron as cernas do interese de Gil pola modernidade e a promoción de Galicia a través do turismo. O concello de Arousa encarna á perfección as teimas de Gil: é un dos centros neurálxicos da industria da emigración a través de Luís García-Reboredo Isla (1865-1932), cliente e amigo persoal, consignatario das Compañías Lloyd Norte Alemán de Bremen e Lloyd Real Holandés de Amsterdam en Vigo e Vilagarcía de Arousa, empresas para as que realizou varios filmes como La emigración en los puertos gallegos (1911) ou varias reportaxes publicitarias proxectadas no Cinemóvil (1926-1929).
A segunda teima de Gil, o ferrocarril, tamén está presente, pois filmou en 1910 Viaxe en tren de Carril- Santiago. E supomos que La Concha de Arosa, a estación balnearia de Vilagarcía, propiedade doutro amigo e cliente habitual, Laureano Salgado foi obxecto da súa cámara en repetidas ocasións; ademais de que Vilagarcía era unha base de manobras militares das escuadras británicas de que dá conta a filmación dunha fita de máis de 1000 metros en Maniobras navales en las Rías de Galicia (1911), rexistrando unha das meirandes concentracións de barcos de guerra da historia de Galicia nas rías de Vigo e Arousa; un documental de 40 minutos que recollía as manobras navais das escuadras británicas -19 barcos- do Atlántico e o Mediterráneo a finais de xaneiro de 1911.
Algúns dos seus filmes proxectáronse no Salón Varietés (1911) propiedade dos Irmáns Gómez Fernández.
O Cinemóvil Nª 2 estivo en Vilagarcía tres días o 3, 4 e 5 de novembro de 1929.