“AS MÚSICA DE JOSÉ GIL” CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN BUEU

  SESIÓN VERMÚ      “AS MÚSICA DE JOSÉ GIL”

CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN BUEU. Sábado,17 xuño 2023.

LUGAR: RÚA EDUARDO VICENTI, 8. (PRETO DO CONCELLO). HORA. 13:00 A 14:00
Elaborado e dirixido por  Víctor Manuel López Pazos
Interpretado pola Banda de Música Artística de Bueu

PROGRAMA:

1.- “A miña aldea” de Antonio Leira Díaz (Pontedeume 1915-2007). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta.

2.-“Overture español” de John Higgins (EEUU). A canción evoca a súa estadía de mozo durante o esplendor do Balneario de Mondariz; imaxinamos os paseos da xente elegante que frecuenta o ambiente balneario e saúdanse cortesmente, mentres a banda toca no palco música europea ou española. Gil toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade contemporánea nos inicios do século XX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no entorno de Mondariz.

3.-Alborada” de Pascual Veiga (Mondoñedo,1842-1906). As atrasadas cidades galegas espertan grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotógrafo Gil en Lugo, Ourense, Vigo, etc. Todas as artes en Galicia procuran a modernización a comezos do século XX.

4.- “Go Ring Them Bells” de Stephen Bulla (EEUU,1953) e “Noites de Lúa na praia” de Ernesto Campos (Vigo,1966). Homenaxe á modernidade viguesa na década de 1910-1920. Gil vive e trunfa na gran urbe viguesa á que chegan todas as novidades a través do mar: cine, jazz, teléfonos, coches, tranvías, barcos, radio, etc. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara Gaumont. A música evoca a vida trepidante da cidade olívica e tamén a súa relación con América. Música que evoca os novos aires de ragtime e jazz procedentes do continente americano. Ao tempo moitas das películas filmadas por Gil en Galicia viaxan ata os cinemas de Bos Aires, Habana ou Montevideo a comezos do século XX.

5.- “Nocturno” de  Frédéric Chopin (Polonia, 1810-1849). Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa da rúa Príncipe, que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde as fillas tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados por Gil. O músico polaco falecerá da mesma enfermidade que as fillas de José Gil.

6.-“Balada Galega”. Juan Montes (Lugo, 1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Xosefa, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombra e dor no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.

7- “Anmerland” (Jacob de Haan, 1959).  A profunda melancolía de José Gil na súa estadía en Ponteareas, mentres segue a vivir na escuridade  pola perda das fillas. Lentamente vai saíndo da negrura na que estaba instalado.  Aos poucos, o cinema axúdao a  revivir e erguerse de novo. O cinema vai ser o seu refuxio; o cineasta rexurde como ave fénix.

8 “Candilejas” de Charles Chaplin, (Londres 1889- 1977). Arrx J.A Muñoz Ruiz. Evocamos aquí a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo. Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia e afouteza, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir ate a chegada do cine sonoro. Tamén Chaplin terá que afrontar a implantación do cinema sonoro.

9 “Tannhauser” de Richard Wagner (Alemaña, 1813-1884). O día 1 de xaneiro de 1937 fina José Gil, arruinado e case en soidade en Vigo. Ao día seguinte fixo a súa derradeira viaxe en coche nunha sinxela caixa de pino para reunirse definitivamente coas súas adoradas fillas no cemiterio de Pereiró. O enterro foi moi modesto e con escasa asistencia popular. Mentres, á mesma hora, uns metros mais abaixo, no Teatro García Barbón, escoitábase  o Tannhäuser de Wagner interpretado pola orquestra dos Requetés de Pamplona. O teatro resplandecía ateigado polas autoridades locais, os Bispos de Madrid-Alcalá e de Tui e o máis granado e chic da burguesía viguesa entre bandeiras da Alemaña nazi, Italia fascista, Falange Española e sobre todo, o emblema dos Requetés “con un sinfín de boinas rojas”.

10- “Himno galego”. Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”.  A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.

Descarga o programa aquí

PROGRAMA MÚSICA BUEU