“AS MÚSICA DE JOSÉ GIL” CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN LALÍN

  SESIÓN VERMÚ      “AS MÚSICA DE JOSÉ GIL”

CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN LALÍN. Sábado,30 setembro 2023.

 

Elaborado e dirixido por  Juan Carlos López Vázquez

Interpretado pola Banda de Música “A Lira de Prado

Hora: 13:00 a 14:00
Lugar: Praza da Igrexa. Lalín
 (En caso de choiva trasladaranse as actividades ao interior da Igrexa de Santa María das Dores)
PRÓLOGO

José Gil ademais de cineasta era un melómano empedernido. Dende cativo viviu enxergado coa música na parroquia de Rubiós, a través do cura párroco Evaristo Serra e a mítica Banda de música de Rubiós ao carón da súa casa. Gil afinaba pianos, tocaba o violín, sabía construír órganos de igrexa e compoñer música. Nas primeiras fotografías que tirou abondan os grupos musicais e no logotipo impreso  das súas fotos figuraba unha lira en lugar da tópica paleta de pintor.

As súas fillas tamén cantaban e tocaban o piano e o violín. Sempre sonaba a música na casa familiar, como podemos comprobar na visita da gran violinista internacional  Cristeta Goñi reflectida nas fotografías en “Vida gallega” (1909). Así mesmo, foi un acompañamento imprescindible dos filmes silentes que proxectaba nos cinemas que xestionou, onde tamén ofertaba concertos radiofónicos. Ata o fin dos seus dias teimou por construír un filme musical en colaboración co músico José Iglesias Sánchez en 1933.

O programa do concerto está baseado nas achegas que apareceron ao longo da investigación e son pezas acreditadas que Gil escoitou ao longo da súa vida ou gardan relación co cineasta. Pretenden ser un programa de 60 minutos que poderíase titular “As músicas de Gil”. A programación e a duracións dependen moito do repertorio propio e a interpretación de cada agrupación musical. O obxectivo do concerto é achegarse á vida de Gil a través da música.

PROGRAMA:

1.- “A Freixa” de  Roxelio Groba, Ponteareas, (18301922). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta.

2- ”A lenda de Montelongo” Bernardo del Río. Vilagarcía, (1893-1953). A canción evoca a súa estadía de mozo no mítico Balneario de Mondariz; imaxinamos os paseos da xente elegante que frecuenta o ambiente balneario e saúdanse cortesmente, mentres a banda toca no palco pezas selectas procedentes de Europa. Aquí toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade dos anos finais do século XIX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no entorno de Mondariz ata que decide instalarse en Ourense.

3.- “Cantigas de Ourense” de Félix Molina. As atrasadas cidades galegas espertan grazas o ferrocarril a finais do século XIX. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotografo Gil na cidade de Ourense na que se instala en 1899, baixo a marca “fotografía artística” na rúa Progreso.

4.- “Sete rosas” de Alejandro del Río. Ourense, (1925-1921). Homenaxe á modernidade de Vigo na década de 1910-1920. Gil vive e trunfa na gran urbe viguesa á que chegan todas as novidades a través do mar: cine, jazz, teléfono, coches, tranvías, barcos, radio, etc. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara Gaumont en 1909. A música evoca a vida trepidante da cidade olívica. A música evoca os novos aires de ragtime e jazz procedentes do continente americano. Ao tempo, moitas das películas filmadas por Gil en Galicia viaxan ata os cinemas de Bos Aires, Habana ou Montevideo. No tempo no que o cine de Chaplin trunfa en Galicia,  América tamén coñece Galicia a través das películas  de José Gil.

5Rapsodia galega” de Enrique García Rey. Ortigueira (1927-1990).Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Pepita, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombras e dor infinita no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.

6.-“Carmen Sylva” de Jovan Ivanović. Rumanía, (1845-1902).  A profunda melancolía de José Gil na súa estadía en Ponteareas, mentres segue a vivir na escuridade  pola perda das fillas. Lentamente vai saíndo da negrura na que estaba instalado.  Aos poucos, o cinema axúdao a  revivir e erguerse de novo. O cinema vai ser o seu refuxio; o cineasta rexurde como ave fénix.

7.-“Mozos do Penedo” de Manuel Novoa. Rubiós, As Neves (1911-1973). Evocamos aquí a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo. Será o único profesional galego que vive da produción de películas. Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir ate a chegada do cine sonoro.

 

8.- “Himno galego”. Pascual Veiga. Mondoñedo, (1907-1988). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”.  A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.

Descarga o programa aquí

PROGRAMA MÚSICA LALÍN