SESIÓN VERMÚ “AS MÚSICA DE JOSÉ GIL”
CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN MONDARIZ- BALNEARIO.
Lugar: XARDÍNS HOTEL BALNEARIO. Hora 13:00 a 14:00. Sábado, 3 xuño 2023.
Elaborado e dirixido por Xabier Oliveira
Interpretado pola Banda de Música Cultural de Mondariz
PROGRAMA:
1.- “Música Mestres!” de Juan Lois Diéguez, (Agolada, 1980). Pasodobre. Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta. Evoca tamén a súa estadía de mozo durante a construción do Gran Hotel Balneario, onde toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade contemporánea nos inicios do século XX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no Balneario.
2.-”Alborada” de Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). As atrasadas cidades galegas do XIX espertan grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotografo Gil en Lugo, Ourense, Vigo, etc. Todas as artes en Galicia procuran a modernización a comezos do século XX.
3.- “Sway” de Pablo Beltrán Ruiz. (México 1915-2008). Homenaxe á modernidade viguesa na década de 1910-1920. Gil vive e trunfa na gran urbe viguesa á que chegan todas as novidades a través do mar: cine, jazz, teléfonos, coches, tranvías, barcos, radio, etc. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara Gaumont. A música evoca a vida trepidante da cidade olívica e a súa relación con América. Música que evoca os novos aires de ragtime e jazz procedentes do mundo exterior. Ao tempo moitas das películas filmadas por Gil en Galicia viaxan ata os cinemas americanos de Bos Aires, Habana ou Montevideo.
4.- “La traviata” de Giuseppe Verdi (Italia 1813-1901). Coa esta peza evocamos a afección da familia Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa na rúa Príncipe que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde soan o violín e o piano perfectamente afinados por Gil e tocados polas súas fillas María e Rosa. Violeta, a protagonista da ópera falecerá por unha tuberculose galopante que tamén levará por diante ás tres fillas cando cumpran os 18 anos
5.-“Balada Galega”. Juan Montes (Lugo, 1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Xosefa, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombra e dor no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.
6- “Mozos do Penedo” de Manuel Nóvoa (Rubiós, 1911-1973). A muiñeira evoca a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia e afouteza, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir.
7- “Obertura Tannhauser” de Richard Wagner (Alemaña, 1813-1884). O día 1 de xaneiro de 1937 fina José Gil, arruinado e case en soidade en Vigo. Ao día seguinte fixo a súa derradeira viaxe en coche nunha sinxela caixa de pino para reunirse definitivamente coas súas adoradas fillas no cemiterio de Pereiró. O enterro foi moi modesto e con escasa asistencia popular. Mentres, á mesma hora, uns metros mais abaixo, no Teatro García Barbón, escoitábase o Tannhäuser de Wagner interpretado pola orquestra dos Requetés de Pamplona. O teatro resplandecía ateigado polas autoridades locais, os Bispos de Madrid-Alcalá e de Tui e o máis granado e chic da burguesía viguesa coa roupa de gala, entre bandeiras da Alemaña nazi, Italia fascista, Falange Española e sobre todo, o emblema dos Requetés “con un sinfín de boinas rojas”.
8- “Himno galego” de Pascual Veiga (Mondoñedo,1842-1906). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”. A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.
Descarga o programa aquí
PROGRAMA MÚSICA_MONDARIZ BALNEARIO