“AS MÚSICA DE JOSÉ GIL” CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN O GROVE

 

SESIÓN VERMÚ

CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL

O GROVE, Sábado 4 novembro 2023

Elaborado e dirixido por  Nicolás Portas Ricoy

Interpretado pola Banda de Música Castrelo (Cambados)

Hora: 13:00 a 14:00

Lugar: AUDITORIO MUNICIPAL

 

PRÓLOGO

José Gil ademais de cineasta era un melómano empedernido. Dende cativo viviu enxergado coa música na parroquia de Rubiós, a través do cura párroco Evaristo Serra e a mítica Banda de música de Rubiós ao carón da súa casa. Gil afinaba pianos, tocaba o violín, sabía construír órganos de igrexa e compoñer música. Nas primeiras fotografías que tirou abondan os grupos musicais e no logotipo impreso  das súas fotos figuraba unha lira en lugar da tópica paleta de pintor.

As súas fillas tamén cantaban e tocaban o piano e o violín. Sempre sonaba a música na casa familiar, como podemos comprobar na visita da gran violinista internacional  Cristeta Goñi reflectida nas fotografías en “Vida gallega” (1909). Así mesmo, foi un acompañamento imprescindible dos filmes silentes que proxectaba nos cinemas que xestionou, onde tamén ofertaba concertos radiofónicos. Ata o fin dos seus dias teimou por construír un filme musical en colaboración co músico José Iglesias Sánchez en 1933.

O programa do concerto está baseado nas achegas que apareceron ao longo da investigación e son pezas acreditadas que Gil escoitou ao longo da súa vida ou gardan relación co cineasta. Pretenden ser un programa de 60 minutos que poderíase titular “As músicas de Gil”. A programación e a duracións dependen moito do repertorio propio e a  interpretación de cada agrupación musical. O obxectivo do concerto é achegarse á vida de Gil a través da música.

PROGRAMA:

1.- “Rubiós mi aldea” de Manuel Novoa. Rubiós, As Neves (1911-1973). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta.

 

2- Cabalaría Lixeira” de Franz Von Suppé. Viena, (1819-1895) . A canción evoca a súa estadía de mozo durante o esplendor do Balneario de Mondariz; imaxinamos os paseos da xente elegante que frecuenta o ambiente balneario e saúdanse cortesmente, mentres a banda toca no palco pezas selectas procedentes de Europa. Aquí toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade dos anos finais do século XIX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no entorno de Mondariz.

 

3.-Alborada” de Pascual Veiga. Mondoñedo, (1842-1906). As atrasadas cidades galegas espertan e medran grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotógrafo Gil en Lugo, Ourense, Compostela e Vigo a través do tren. Todas as artes en Galicia procuran a modernización a comezos do século XX.

 

4.- “Rapsodia OP 79” de  Johannes Brahms. Hamburgo, (1833-1897). ). Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa da rúa Príncipe, que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde as fillas, María, Rosa e Pepita, cantan e tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados polo seu pai.

 

5.-“Balada Galega” de Juan Montes. Lugo, (1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Pepita, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombras e dor infinita no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.

 

6.- “Ammerland” de Jacob de Haan, Holanda (1959).  A profunda melancolía de José Gil na súa estadía en Ponteareas, mentres segue a vivir na escuridade  pola perda das fillas. Pasa moitas tardes vendo filmes das súas fillas mortas no seu propio cine. Mais lentamente vai saíndo da negrura na que estaba instalado. Pouco a pouco, o cinema axúdao a  revivir e erguerse de novo. Filmar será o seu refuxio; o cineasta rexurde como Ave Fénix.

 

7.-“Mozos do Penedo” de Manuel Novoa. Rubiós, As Neves (1911-1973). Evocamos con esta peza leda e optimista a afouteza de Gil, a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo. Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir ate a chegada do cine sonoro.

 

8.- “Himno galego”. Pascual Veiga. Mondoñedo, (1907-1988). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”.  A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.

Descarga o programa aquí

CONCERTO O GROVE