“AS MÚSICA DE JOSÉ GIL” CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN PONTEAREAS

 

SESIÓN VERMÚ

CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL

PONTEAREAS, domingo 3 decembro 2023

Elaborado e dirixido por  José Fernández Prego

Interpretado pola Banda de Música “Reveriano Soutullo”

Hora: 13:00 a 14:00

Lugar: Auditorio de Ponteareas

 

PRÓLOGO

José Gil ademais de cineasta era un melómano empedernido. Dende cativo viviu enxergado coa música na parroquia de Rubiós, a través do cura párroco, Evaristo Serra, e a mítica Banda de música de Rubiós que ensaiaba ao carón da súa casa. Gil afinaba pianos, tocaba o violín, sabía construír órganos de igrexa e compoñer música. Nas primeiras fotografías que tirou abondan os grupos musicais e no logotipo impreso  das súas fotos figuraba unha lira en lugar da tópica paleta de pintor.

As súas fillas tamén cantaban e tocaban o piano e o violín. Sempre sonaba a música na casa familiar, como podemos comprobar na visita da gran violinista internacional  Cristeta Goñi reflectida nas fotografías en “Vida gallega” (1909). Así mesmo, foi un acompañamento imprescindible dos filmes silentes que proxectaba nos cinemas que xestionou, onde tamén ofertaba concertos radiofónicos. Ata o fin dos seus dias teimou por construír un filme musical en colaboración co músico José Iglesias Sánchez en 1933.

O programa do concerto está baseado nas achegas que apareceron ao longo da investigación e son pezas acreditadas que Gil escoitou ao longo da súa vida ou gardan relación co cineasta. Pretenden ser un programa de 60 minutos que poderíase titular “As músicas de Gil”. A programación e a duracións dependen moito do repertorio propio e a interpretación de cada agrupación musical. O obxectivo do concerto é achegarse á vida de Gil a través da música..

PROGRAMA:

1.-Condado” de José Carracedo Pousada. Guláns, (1951). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e A Paradanta. Con este pasodobre composto polo ponteareán José Carracedo Pousada, invitámosvos a que imaxinedes esa Galicia tradicional, illada e pouco desenvolta industrialmente, pero na que alboradas e e  muiñeiras resoaban polas montañas, vales e congostras do país galego hai 150 anos. Tamén, coma unha homenaxe á inxente cantidade de músicos populares que mantiveron viva a música tradicional galega no século XIX.

2Cabalaría Lixeira” de Franz Von Suppé. Viena, (1819-1895). Aquel mozo  tímido e soñador trasládase a Mondariz, a quince quilómetros de Rubiós. Imos a  evocar a súa estadía de mozo no mítico Balneario de Mondariz; imaxinamos os paseos da xente elegante que frecuenta aquel sofisticado ambiente balneario; escritores como Rosalía, Arniches ou Pardo Bazán, Isaac Peral, ministros, banqueiros, políticos ou empresarios, saúdanse cortesmente, mentres no palco, a banda do balneario interpreta música selecta procedente de Europa.  Imos a evocar ese tempo da belle époque, coa peza do compositor vienés Franz Von Suppé, moi escoitada a fins do XIX. Aquí o noso protagonista, un rapaz de aldea, toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta descubrindo a modernidade, mentres aprende o oficio fotográfico no entorno de Mondariz.

3.-Alborada” de Pascual Veiga. Mondoñedo, (1842-1906). Cara fin do século XIX, as adormecidas cidades galegas espertan e medran grazas o ferrocarril que comeza a vertebrar Galicia. Son os tempos do  rexionalismo  e a reivindicación da nosa cultura e tradición que mira de fronte ao resto das culturas europeas. Tamén a música culta desenvolve unha mirada propia, baseada nas raíces da música galega. Coa inmortal Alborada de Veiga evocamos o descubrimento de Galicia polo XA fotógrafo Gil en Lugo, Ourense, Vigo, etc. a través do tren. Todas as artes en Galicia agroman e procuran a modernización a comezos do século XX. Aos poucos, a popularidade do noso protagonista vai en aumento. Xa é un dos fotógrafos mais recoñecidos do país.

4.- “Country and Western” de  Harol L. Walters. EEUU. (1918-1984). De todas as cidade galegas, o noso protagonista escollerá Vigo para asentar definitivamente. Con esta peza pretendemos homenaxear á modernidade de Vigo na década de 1910-1920. Gil vive e trunfa na gran urbe viguesa á que chegan todas as novidades a través do mar: cine, jazz, teléfono, coches Ford, tranvías, barcos, radio, etc. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara Gaumont. A peza evoca a vida trepidante da cidade olívica, así como a súa relación con América a través dos novos aires de ragtime e jazz procedentes do continente americano, neste caso con aires do cinema do oeste que tanto gusta ao público galego. Ao tempo, moitas das películas filmadas por Gil en Galicia viaxan ata os cinemas de Bos Aires, Habana ou Montevideo. Por vez primeira (1912), América tamén coñece Galicia a través do cinema.  Imos evocar eses anos trepidantes nos que se forxou  a cidade olívica e nos que José Gil tiña o mundo aos seus pés.

5.-Olas del Danubio” de   J. Ivanovici. Romanía, (1845-1902). Imaxinamos que paseamos pola rúa Príncipe en 1916. Á altura do número 49 sentimos a música no primeiro andar. É unha casa leda e feliz con tres nenas que cantan e rin. Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que alí habitaba porque que recende a música e as risas e xogos adolescentes. Lembramos aquí o ambiente dunha familia melómana, onde, María, Rosa e Pepita, cantan e tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados por Gil pezas de música clásica.

6.-“Balada Galega” de Juan Montes. Lugo, (1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Pepita, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombras e dor infinita no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros”, como chamaba ás nenas, nuns días nos que “as nubes choraban eternamente por un amor que morreu”- O noso protagonista queda ferido para sempre. Sentide a súa dor con esta inmortal composición de Juan Montes.

7.-“Ammerland” de Jacob de Haan. Holanda (1959).  Evocamos a profunda melancolía de José Gil na súa estadía en Ponteareas, mentres  aínda segue a vivir na escuridade  pola perda das fillas. Pasa moitas tardes vendo filmes das súas nenas mortas no seu propio cine, o Royalty, na Costa de San Gregorio. Como afirmaba na publicidade “Ninguén morre si lle filma unha pelicula”. Lentamente vai saíndo da negrura na que estaba instalado. Pouco a pouco, o cinema axúdao a  revivir e erguerse de novo. Filmar será o seu refuxio, o único que o fai feliz; o cineasta rexurde como Ave Fénix aquí, en Ponteareas.

8.-“Mozos do Penedo” de Manuel Novoa. Rubiós, As Neves (1911-1973). Evocamos aquí a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva; abandona Ponteareas e retorna como cineasta a Vigo. Será o único profesional galego que vivirá da produción de películas ata ben entrado o século XX. Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia, ata que aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e alento para vivir até a chegada do cine sonoro.

9– “Obertura Tannhauser” de Richard Wagner. Alemaña, (1813-1884). Pero a puntilla para Gil será o trunfo do cinema sonoro. Xa ninguén gusta desas películas vellas e mudas que filma sen pausa e pouco a pouco vai ficando só, sen que a ninguén lle interesa o seu traballo. O día 1 de xaneiro de 1937 fina José Gil, arruinado e case en soidade en Vigo aos 67 anos. Ao día seguinte fixo a súa derradeira viaxe en coche nunha sinxela caixa de pino para reunirse definitivamente coas súas adoradas fillas no cemiterio de Pereiró. O enterro foi moi modesto e con escasa asistencia popular. Pero nesta ocasión  imos a poñer a música para acompañalo na viaxe derradeira e homenaxealo. A mesma hora do enterro,  uns metros mais abaixo, no Teatro García Barbón, escoitábase  o Tannhäuser de Wagner interpretado pola orquestra dos Requetés de Pamplona.

10.– “Himno galego”. Pascual Veiga. Mondoñedo, (1907-1988). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”.  A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.

 

Descarga o programa aquí

CONCERTO PONTEAREAS