SESIÓN VERMÚ
CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL
PONTEVEDRA, 14 OUTUBRO 2023
Elaborado e dirixido por Alfredo Sánchez Seara
Interpretado pola Banda de Música de Salcedo
Hora: 13:00 a 14:00
Lugar: Praza do Teatro Principal de Pontevedra
(En caso de choiva trasladaranse as actividades ao interior do Teatro Principal)
PRÓLOGO
José Gil ademais de cineasta era un melómano empedernido. Dende cativo viviu enxergado coa música na parroquia de Rubiós, a través do cura párroco Evaristo Serra e a mítica Banda de música de Rubiós ao carón da súa casa. Gil afinaba pianos, tocaba o violín, sabía construír órganos de igrexa e compoñer música. Nas primeiras fotografías que tirou abondan os grupos musicais e no logotipo impreso das súas fotos figuraba unha lira en lugar da tópica paleta de pintor.
As súas fillas tamén cantaban e tocaban o piano e o violín. Sempre sonaba a música na casa familiar, como podemos comprobar na visita da gran violinista internacional Cristeta Goñi reflectida nunha reportaxe gráfica da revista “Vida gallega” (1909). Así mesmo, foi un acompañamento imprescindible dos filmes silentes que proxectaba nos cinemas que xestionou, onde tamén ofertaba concertos radiofónicos. Ata o fin dos seus dias teimou por construír un filme musical en colaboración co músico José Iglesias Sánchez en 1933.
O programa do concerto está baseado nas achegas que apareceron ao longo da investigación sobre a súa vida e son pezas escoitadas por Gil ao longo da súa vida ou que gardan relación co cineasta. Pretenden ser un programa de 60 minutos que poderíase titular “As músicas de Gil”. A programación e a duracións dependen moito do repertorio propio e a interpretación de cada agrupación musical. O obxectivo do concerto é achegarse á vida de Gil a través da música.
PROGRAMA:
1.- “Ponteareas” de Reveriano Soutullo, Ponteareas, (1880–1932). Música popular galega que evoca a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) en 1870, así como os seus inicios na Banda popular da súa patria da infancia, percorrendo festas e romarías do Condado e Paradanta.
2- “Pique Dame. Overture” de Franz Von Suppé. Viena, (1819-1895). A canción evoca a súa estadía de mozo no mítico Balneario de Mondariz; imaxinamos os paseos da xente elegante que frecuenta o ambiente balneario e saúdanse cortesmente, mentres a banda toca no palco pezas selectas procedentes de Europa. Aquí toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade dos anos finais do século XIX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no entorno de Mondariz.
3.-”Airiños Aires” de Gustavo Freire. Lugo, (1885-1948). As atrasadas cidades galegas espertan e medran grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotógrafo Gil en Lugo, Ourense, Compostela e Vigo a través do tren. Todas as artes en Galicia procuran a modernización a comezos do século XX.
4.- “Sway” de Pedro Beltrán. México, (1915-2008). Homenaxe á modernidade de Vigo na década de 1910-1920. Gil vive e trunfa na gran urbe viguesa á que chegan todas as novidades a través do mar: cine, jazz, teléfono, coches, tranvías, barcos, radio, etc. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara Gaumont. A música evoca a vida trepidante da cidade olívica e tamén a súa relación con América a través dos novos aires de ragtime e jazz procedentes do continente americano. Ao tempo, moitas das películas filmadas por Gil en Galicia viaxan ata os cinemas de Bos Aires, Habana ou Montevideo. Por vez primeira (1912), América tamén coñece Galicia a través do cinema.
5.- “Pequena serenata nocturna” de Mozart. Salzburgo, (1756-1791). Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa da rúa Príncipe, que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde as fillas, María, Rosa e Pepita, cantan e tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados polo seu pai.
6.-“Traviata. Preludio” de Giuseppe Verdi. Italia, (1813-1901). Coa peza evocamos a chegada dos primeiros síntomas da tuberculose galopante da filla maior María Gil, que a levará por diante cando cumpra os 18 anos. Gil proxectará adaptacións cinematográficas desta ópera nos seus cinemas.
7.-“Balada Galega” de Juan Montes. Lugo, (1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Pepita, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombras e dor infinita no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas
8.- “Ammerland” de Jacob de Haan. Holanda (1959). A profunda melancolía de José Gil na súa estadía en Ponteareas, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Pasa moitas tardes vendo filmes das súas nenas mortas no seu propio cine. Como afirmaba na publicidade “Ninguén morre si lle filma unha pelicula”. Lentamente vai saíndo da negrura na que estaba instalado. Pouco a pouco, o cinema axúdao a revivir e erguerse de novo. Filmar será o seu refuxio; o cineasta rexurde como Ave Fénix.
9.-“Mozos do Penedo” de Manuel Novoa. Rubiós, As Neves (1911-1973). Evocamos con esta peza leda e optimista a afouteza de Gil, a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo. Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Producirá máis de 60 filmes nos derradeiros anos. Será o seu refuxio e o alento para vivir ate a chegada do cine sonoro.
10– “Jesús Nazareno” de José Luis Peiró.Valencia, (1967) O día 1 de xaneiro de 1937 fina José Gil, arruinado, esquecido e case en soidade en Vigo. Ao día seguinte fixo a súa derradeira viaxe en coche nunha sinxela caixa de pino para reunirse definitivamente coas súas adoradas fillas no cemiterio de Pereiró. O enterro foi moi modesto e con escasa asistencia popular. Mentres, á mesma hora, uns metros mais abaixo, no Teatro García Barbón, escoitábase o Tannhäuser de Wagner interpretado pola orquestra dos Requetés de Pamplona. O teatro resplandecía ateigado polas autoridades locais, os Bispos de Madrid-Alcalá e de Tui e o máis granado e chic da burguesía viguesa entre bandeiras da Alemaña nazi, Italia fascista e a Falange Española.
11.- “Himno galego”. Pascual Veiga. Mondoñedo, (1907-1988). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”. A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.
Descarga o programa aquí