SESIÓN VERMÚ “AS MÚSICA DE JOSÉ GIL”
CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL EN SOUTOMAIOR. Domingo, 4 xuño 2023.
Lugar: Alameda Talo Río en Arcade. Hora de 13:00 a 14:00
Elaborado e dirixido por Roberto Iglesias Rey
Interpretado pola Banda Artística de Arcade
PROGRAMA:
1.-“Rubiós mi Aldea” de Manuel Nóvoa (Rubiós, 1911-1973). Lembranza de Rubiós, a patria da infancia do noso protagonista. O punto de partida é a aldea e a humilde casa onde nace José Gil en Rubiós (As Neves) no 1870. Con esa peza podemos evocar as festas e romarías populares do Condado e a Paradanta na Galicia do século XIX. Aquel neno que coñeceu e viviu a música a través da mítica banda de Rubiós que aínda existe hoxe.
2.- “Caballería Ligera” de Franz von Suppé (Viena, 1819-1895). Un clásico nos concertos do Balneario de Mondariz dende 1890. A canción evoca a súa estadía de mozo durante o esplendor do Balneario de Mondariz, onde toma contacto co mundo exterior e as músicas cultas de todo o planeta. Os seus ollos ábrense para comprender a sociedade contemporánea nos inicios do século XX. Gil é un rapaz de aldea que descubre a modernidade mentres aprende o oficio fotográfico no Balneario.
3.-”Alborada” de Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). As atrasadas cidades galegas espertan grazas o ferrocarril. O rexionalismo tamén se insire na música culta e desenvolve a mirada cara nós e as raíces da música galega. Nesta canción evocamos o descubrimento de Galicia polo fotografo Gil en Lugo, Ourense, Vigo, etc. Todas as artes en Galicia intentan modernizarse. Gil comeza a filmar películas coa súa cámara de cine en 1909.
4.- “Nocturno” de Frédéric Chopin (Polonia, 1810-1849). Coa peza evocamos a afección das fillas de Gil pola música que habitaba na súa feliz casa viguesa da rúa Príncipe, que recende a música. Lembramos aquí o ambiente dunha casa melómana, onde as fillas tocan unha e outra vez o violín e o piano perfectamente afinados por Gil. O músico polaco falecerá da mesma enfermidade que as fillas de José Gil.
5.-“Balada Galega”. Juan Montes (Lugo, 1840-1899). Lembramos aquí a morte das súas tres fillas: María, Rosa e Xosefa, aos 18 anos, por tuberculose. As tres visitas da morte enchen a casa de sombra e dor no corazón do cineasta, ata a súa aniquilación persoal e profesional pola perda dos seus “tesouros” como chamaba ás nenas.
6- “Mozos do Penedo” de Manuel Nóvoa (Rubiós, 1911-1973). A muiñeira evoca a afouteza de Gil a pesares da traxedia persoal vivida. Adícase ao cinema en exclusiva e retorna como cineasta a Vigo Filmar faille esquecer a súa tristura e a vida retorna aos poucos. Semella que ten gañada a inmortalidade que outorga o cinema. A canción evoca a súa resiliencia e afouteza, mentres segue a vivir na escuridade pola perda das fillas. Aquela tristeza profunda esvaece lentamente grazas ao cinema. Será o seu refuxio e o alento para vivir.
7- “Himno galego” de Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842-1906). Escoitado por Gil en numerosos actos ao longo da vida. Representa o amor que Gil sentía pola súa patria a partir do “cinema rexional Galego”. A peza recupera a súa memoria no Olimpo da cultura galega.
Descarga o programa aquí