PRESENTACIÓN AOS MEDIOS DO PROXECTO “JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA”

Na rúa do Príncipe, a escasos metros do lugar no que no ano 1910 José Gil (As Neves, 1870-Vigo, 1937) montou a súa primeira produtora, presentouse o día 14 de febreiro o proxecto cultural “José Gil.  Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema”, apoiado pola Deputación de Pontevedra e co que se pretende dar a coñecer, inicialmente en 30 concellos da provincia de Pontevedra vencellados á súa vida e á súa obra, a figura do “pai do cinema galego”.

CINEMÓBIL2 (1929) DE JOSÉ GIL
CINEMÓBIL3 (2023)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os venres e sábados do ano 2023 o gran protagonista, nos 30 concellos, será o CINEMÓBIL3, con 16 paneis coa vida e da obra de José Gil e a visita guiada por Manolo González, autor do libro Nos días encantados de agosto (Editorial Galaxia).

Profesores e profesoras, alumnas e alumnos, veciñas e veciños de cada concello poderán gozar da visita guiada ao CINEMÓBIL3; da presentación do libro Nos días encantados de agosto; da Sesión Vermú, na que a Banda de Música interpretará as partituras da música relacionada con José Gil; e das proxeccións nos auditorios de filmes que proxectaba José Gil nos seus cines: Kid Auto Race at Venice (1914), a primeira aparición de Charlot no cine; e A Vértixe (1921), de Harold Lloyd, ambas con música orixinal composta polo grupo Casperverk.

Tamén gozarán de 5 minutos de imaxes dos filmes de José Gil e das curtas O Carro e o Home (1942), de Antón Román, Mamasunción (1984), de Chano Piñeiro, e Ser e Voltar (2014), de Xacio Baños.

 

Ven vivir unha experiencia de cine!

www.josegilcinema.gal