- 1870: Nace o 3 de abril en Rubiós (As Neves) no seo dunha familia labrega. Era o fillo único de Domingo Gil González (1840-1924) e María Gil Álvarez (1829-1909). En agosto do mesmo ano o pai ingresa na Garda Civil.
- 1884: Vive en Rubiós mentres o pai está destinado no cuartel da Garda Civil da Lamosa.
- 1889: Comeza a traballar no entorno do Balneario de Mondariz, onde se inicia na fotografía creando a súa primeira marca: “La afición artística”.
- 1898: En febreiro casa en Rubiós con Trinidad Sarabia, natural do concello de San Xoán de Río (Ourense).
- 1899: O 25 de xuño nace en Rubiós a primeira filla, María Gil Sarabia.
- 1899: Abre a primeira galería en Ourense, “Fotografía artística” na rúa de Alba. En 1902 trasládase a Progreso 73, converténdose nunha referencia obrigada da fotografía ourensá.
- 1902: O 18 de Marzo nace en Ourense a segunda filla, Rosa Gil Sarabia.
- 1904: A familia trasládase a Vigo. Inaugura a galería “Fotografía Gil” na rúa Carral.
- 1906: Nace en Vigo a terceira filla, Josefa Gil Sarabia, o 11 de abril.
- 1909: Inaugura en Príncipe 49, Vigo, a “Fotografía Gil” unha da galerías fotográficas máis prestixiosas e modernas de Galicia.
- 1910: Merca unha cámara Gaumont e crea “Cinematografía Gil”, iniciando a filmación masiva de películas que difunde polos cinemas galegos e americanos.
- 1914: É nomeado delegado territorial da Ford percorrendo Galicia e filmando numerosas actividades industriais e institucionais da modernidade de Galicia.
- 1918: Falece a súa amada filla María Gil Sarabia de tuberculose pulmonar aos 19 anos. O escultor Asorey a inmortalizará cun marabilloso monumento funerario no cemiterio de Pereiró.
- 1919: Crea a efémera produtora “Galicia Films” xunto co pontevedrés Fausto Otero.
- 1921: Perde a representación da Ford e funda “Galicia Cinegráfica” e a “Sinair Company”.
- 1922: Falece en Vigo, aos 20 anos, a segunda filla Rosa de tuberculose pulmonar.
- 1923: Traslado familiar a Ponteareas onde xestiona o cinema Royalty e o cinema do Balneario de Mondariz.
- 1924: Falece en Ponteareas a terceira filla, Josefa aos 18 anos de tuberculose pulmonar.
- 1926: Primeiro prototipo do “Cinemóvil reclame”. Arderá aos poucos días da inauguración.
- 1927: José Gil e Trinidad Sarabia, orfos de fillos, retornan a Vigo. En Sanjurjo Badía 21 monta os laboratorios definitivos de “Galicia Cinegráfica” coa que realizará preto de 70 documentais ata 1935.
- 1928: Estrea do primeiro “Noticiario de Galicia” no Royalty de Vigo o 20 de decembro.
- 1929: Novo prototipo do “Cinemóvil reclame” que percorre numerosas localidades da provincia de Pontevedra.
- 1935: Vencido e arruinado pola popularización do cinema sonoro, vende o laboratorio e o seu equipamento cinematográfico no mes de agosto.
- 1937: Falece na rúa Elduayen 30 de Vigo, o 1 de xaneiro de 1937 de hemorraxia cerebral.
This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.