Gondomar

Gil fotografará en varias ocasións o concello de Gondomar, nomeadamente as actividades das escolas «americanas» de Morgadáns.

Pero o máis salientable é o de ser a localización íntegra dunha das sete películas que se conservan do pioneiro do cinema. A casa-escola inaugurouse en 1928 cunha gran festa en que participou toda a veciñanza do concello. Esta celebración foi filmada por José Gil na película Nuestras fiestas de allá, financiada tamén pola sociedade promotora Hijos de Morgadanes e que foi estreada no cine-teatro Ariel de Montevideo o 14 de marzo de 1929. A película percorre as festas populares en varias parroquias do concello durante o verán de 1928. A cámara de Galicia Cinegráfica percorre os principais escenarios e festas máis representativas da bisbarra, acompañado nesta ocasión polos seus cuñados, os tamén fotógrafos Enrique e Constantino Sarabia. O documental comeza cunha longa panorámica da Ponte da Ramallosa para pasar a continuación ás romarías e a procesións de San Bieito de Gondomar (10/7/28); Vincios, Morgadáns e Peiteiros (24/9/28) até chegar á feira de Gondomar en tranvía. Na vila podemos apreciar a axitación dunha feira popular a través de imaxes de postos de calacús, empanadas, roscas, apeiros de labranza e mesmo fotógrafos ambulantes. A fita faille unha homenaxe ao afamado emigrante e
protector do colectivo emigrante uruguaio Francisco San Román, o rei do café de
Montevideo, cunha panorámica sobre o seu val natal en Santa Baia de Camos. Remata
cunha panorámica de Baiona e a Virxe da Rocha co solpor nas Cíes. A secuencia que
máis reclama a nosa atención é a realizada na escola sufragada polos emigrantes cos
cativos vestidos co traxe dos domingos nas clases de xeometría e mecanografía até que
saen ao recreo.

Unha nova lutuosa: O flamante Cine Móvil 1 comezara a súa xira pola Ramallosa e A Guarda, até que, tan só seis días despois da estrea, ardeu inesperadamente o camión na noite do 11 de decembro de 1926 na estrada de Gondomar a Camposantos, perdéndose o prototipo do camión e as películas que contiña.