Sanxenxo

A principio do século XX Sanxenxo só era unha  pequena vila mariñeira de paso obrigatorio para chegar ao Grove ou ao Balneario da Toxa, un itinerario habitual do noso fotógrafo e cineasta.  Gil debeu aparcar o seu Ford moitas veces para tomar imaxes da prometedora praia de Silgar  que aparecían fugazmente en varios títulos como Pontevedra y sus paisajes (1924) e Pontevedra (1934), en que se especifica explicitamente o rexistro das festas de Santa Rosalía e a praia de Silgar cada vez máis valorada polo turismo. No salón cinematográfico da Terraza de Sanxenxo proxectábanse esporadicamente filmes mudos por iniciativa do seu propietario,  Francisco Alonso Prieto, entre os que figuraron os  Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica. Posiblemente no Salón Cine de Vilalonga tamén se exhibisen outros títulos de Gil arredor de 1932 .

O Cinemóvil-Reclame Nº 2 visitou Sanxenxo o 31 de outubro de 1929 cun gran éxito popular.